Agardo que o pasedes moi ben nestas festas. Un abrazo e que o próximo ano traia todo o que merecedes e máis...
LENDA DO APALPADOR
O Apalpador é un xigante carboeiro que mora nas devesas, que usa boina, casaco esfarrapado e remendado, fuma en pipa, que se alimenta de bagas e xabaríns. O día 31 de decembro baixa da montaña e visita as crianzas, despois de quedaren durmidas. Entón apálpalles a barriga por ver se están cheas ou se teñen fame. De teren a barriga chea, di: “Así, así esteas todo o ano" e déixalles unha manchea de castañas. De ver que teñen a barriga baleira, non di nada, mais tamén deixa unha presada de castañas.
A propósito do feliz regreso de Aminatu Haidar á súa patria, o Sahara, esta madrugada, e da pequena reflexión sobre este tema que hoxe tivemos na aula, déixovos o vídeo de Eduardo Galeano que fala sobre os "outros" muros da vergoña. Eses menos "altisonantes", nas súas propias palabras, dos que se fala menos mais que son, caso do muro que Marrocos construíu no Sahara, 60 veces máis grande que o muro de Berlín.
Logo de lermos na aula a Carta do xefe indio Seattle ao Presidente dos EUA, Franklin Pierce, datada en 1855, cómpre que fagamos algunhas reflexións, para o que me remito ao propio texto, verdadeiramente profético, para que comentedes o que vos parece, seguindo un pouco a liña do debate iniciado na aula.
Trátase dun documento que, a pesar de estar escrito no século XIX, adianta ideas que hoxe están nos principais despachos dos Gobernos en todo o mundo: o cambio climático, a conservación das especies, a biodiversidade, a protección do medio natural, a desertización, a simbiose do ser humano coa terra...
Ten fragmentos realmente encomiábeis, dignos de ter en conta:
- "Como se poden mercar ou vender o firmamento, nin aínda a calor da terra? Esa idea énos descoñecida.Se non somos donos do frescor do aire, nen da fúlgura das augas, como poderán vostedes mercalos?"
- "Somos parte da terra e, así mesmo, ela é parte de nós. As flores perfumadas son as nosas irmás; o veado, o cabalo, a gran aguia: estes son os nosos irmáns. As escarpadas penas, as húmidas pradeiras, a calor do corpo do cabalo e do home. Todos pertencemos á mesma familia."
- "A auga cristalina que corre polos nosos ríos e regatos non é soamente auga, senón que tamén representa o sangue dos nosos antergos. [...] O murmurio da auga é a voz do pai do meu pai."
- "Son un salvaxe e non comprendo como unha máquina fumegante pode importar máis que o búfalo ao que nós matamos só para sobrevivir. Que sería do home sen os animais? Se todos fosen exterminados, o home tamén morrería dunha gran soidade espiritual: porque o que lle suceda aos animais tamén lle sucederá ao home. Todo vai enlazado."
Aquí deixo os vídeos musicais dos que vos falei, que tratan o tema desde unha óptica galega. Porque somos vítimas de incendios forestais intencionados, de contaminación (As Pontes, Meirama, Sogama, Ence...), de mareas negras que se repiten cada certo tempo sen que ninguén poña remedio, e moitas especies vexetais e animais propiamente galegas están en perigo de extinción.
O primeiro é do grupo de Ordes Dios Ke Te Crew e o segundo é unha colaboración entre este mesmo grupo e Quempallou.
Tamén sería interesante coñecer a vosa opinión sobre o tema: Considerades que estas medidas son necesarias? Como vedes vós a sociedade no tocante a este tema?
Facemos unha paréntese nos contidos da materia, e aproveitando que temos por diante unha longuísima "fin de semana" déixovos un vídeo para un momento de ocio ben aproveitado. A ver que vos parece...
Se estás interesad@ no idioma de Camões, velaquí uns exercicios para que lle vaias perdendo o medo.
O primeiro é un exercicio de comprensión auditiva que está colgado, entre outras cousas interesantes, na páxina web do Instituto Camões, entidade de ensino do portugués espallado por todo o mundo. Na súa páxina web, ademais de exercicios, podes atopar centos de publicacións na súa Biblioteca Dixital.
A segunda proposta que che fago é unha especie de competición.
A partir do vídeo da canción Já sei namorar, dos Tribalistas, tentade completar a letra que vos deixo en "Comentarios". A ver quen atina máis!!!
Esta sentenza que nos deixou Castelao no seu Sempre en Galiza ben a poderiamos cambiar por estoutra: "Se estamos no mundo é por obra e graza do idioma". Descubrimento que, como vimos, supuxo un cambio na vida dos membros da Xeración Nós...
Fronte ao prexuízo de que co galego non se vai a ningures, podemos mirar na historia da lingua galega e pensar no seu desenvolvemento xeográfico. Desde o nacemento do galego, no século IX, a independencia de Portugal e a absorción do Reino de Galiza pola Coroa de Castela os camiños da variante do Norte e a do Sur sufriron vidas ben dispares, o que podedes ver no seguinte vídeo:
Tal e como podedes ver na fotografía da entrada, o portugués é unha das linguas máis faladas do mundo. Todos estes países que noutrora foron colonizados polos portugueses, e que asimilaron a lingua dos conquistadores, conforman a chamada Lusofonía, artellados arredor da Comunidade de Países de Língua Oficial Portuguesa (aínda que tamén se falan neles outras linguas).
Desde hai pouco tempo diversos investigadores e lingüistas veñen reclamando que se fale de Galeguía e non de Lusofonía, precisamente, por ser na Gallaecia medieval onde nacería o galego, a base de todas estas linguas. Aprendelo, é pois, unha grande e pouco custosa inversión. Na vosa man queda.
A idea de que en cada Estado se fala unha lingua é un mito. De feito, que isto ocorra é case un milagre.
Actualmente, preto do 96% das linguas (máis de 6.500), son faladas por un 4% da poboación mundial, e só o 25% (arredor de 1.700) apréndense na escola e teñen presenza na Internet. A maioría destas linguas atópanse concentradas en poucos estados, como é o caso de México, onde existen actualmente 297 linguas vivas, ou Papúa-Nova Guinea, onde existen 820. Tamén destacan as 737 de Indonesia, as 536 de Nixeria, 427 da India ou as máis de 300 linguas que conseguiron sobrevivir nos Estados Unidos de América. En Europa, tan só se fala o 3 % das linguas do mundo.
Moitas destas linguas están en perigo de extinción (son, por tanto, linguas minoritarias e / ou minorizadas). Por exemplo, Bolivia (con 37 linguas pertencentes a oito familias lingüísticas) ten o duplo de diversidade lingüística que toda a Europa. Sete destas linguas son únicas porque, como o éuscaro, non proceden de ningunha familia lingüística coñecida. A perda delas faría moi difícil a súa recuperación por este motivo.
No outro extremo da corda atópanse as linguas máis faladas do mundo (linguas maioritarias). O chinés mandarín, con 1.200 millóns de falantes está moi lonxe de desaparecer, seguido polo inglés, falado por 500 millóns ou o hindú, con 450 millóns. As seguintes linguas máis faladas son o español, o ruso, o árabe, o portuguése o francés.
Sinalo o portugués porque ten a súa orixe naquel galego que no século IX nacería no Reino da Gallaecia e que posteriormente se espallaría por todo o mundo na época das descubertas, dando lugar ao que hoxe se coñece como Lusofonía e que algúns reivindican como Galeguía, aínda que iso é tema para outra entrada...
Para aos e ás que a rápida visión que demos nas aulas esta semana sobre Vicente Risco e Otero Pedrayo lles soubo a pouco, vouvos dar unha serie de enlaces á Bibliotecas Virtuais para consultardes máis información sobre a súa vida e, se queredes, botarlle unha lectura ás obras de Risco, das que tamén temos edición en liña.
En primeiro lugar, lembrarvos que ambos os autores eran amigos da infancia, pois os dous naceron na mesma casa na rúa da Paz (Ourense), que tendes na fotografía. A Biblioteca Virtual Galega pódevos servir para coñecerdes a biografía de Risco e Otero máis en profundidade.
En canto ás obras, xa que na BVG non están publicadas na súa totalidade, déixovos o enlace para a descarga das obras de Risco desde a súa Fundación:
Cando a cousa sae mal, réñovos, enfadámonos, reflexionamos sobre o que pasou para que non se repita....
E por tanto, cando sae ben a miña obriga é a de vos felicitar. Felicitarvos por aguantardes estoicamente as 2 horas de coloquio con Miguel Castelo como campións e campioas, felicitarvos pola vosa participación e actitude, felicitarvos polas vosas reflexións... e por facerdes felices ao Director da curtametraxe, que ficou encantado de poder explicar sen apenas interrupcións un labor creativo difícil que poucas veces temos a oportunidade de escoitar de primeira man.
Déixovos o vídeo da curta, que está colgado en Flocos, para volvela ver, agora desde unha perspectiva de expertos ;-)
Nesta entrada imos ver a situación da lingua galega nos séculos XIX e XX. Vai ser algo breve, centrado sobre todo no papel que xogaron Murguía, Rosalía e as Irmandades da Fala nos chamados primeiro e segundo Rexurdimentos (1863 e 1916, respectivamente)
Desta maneira veremos como as ideas que empezaron a agromar no XIX tiveron a súa continuidade e a súa maior expansión a todos os niveis (cultural, político, social...) no XX.
Tédelo todo no seguinte vídeo, un fragmento do capítulo "Lingua de reis, lingua do pobo" de Historias de Galicia.
Como fotografía da entrada podedes ver unha das portadas da revista A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala. Trátase dun número especial sacado á rúa con motivo do Día da Patria en 1944. Como podedes comprobar na cabeceira, está publicada en Bos Aires, a coñecida como a quinta provincia galega pola cantidade de emigrados e exiliados políticos que se concentraron nela na primeira metade do século XX.
De novo lingua, cultura, historia e política da man...
Falando da emigración galega, non se poden deixar de mencionar dous documentos.
O primeiro deles é do século XX e tédelo aquí á esquerda. Trátase da fotografía titulada "Pai e fillo chorando. Despedida de emigrantes" de Manuel Ferrol, quizais o fotógrafo galego máis recoñecido internacionalmente.
O outro documento probabelmente xa o coñezades: trátase da denuncia que Rosalía de Castro deixou ao longo dos seus versos de Cantares Gallegos (1863). Neles, recoñecía a situación de miseria do pobo galego, que se vía obrigado a emigrar, e tamén a situación de desamparo en que quedaban os seus familiares aquí. Neste sentido, chegou mesmo a titular unha das partes deste libro "Viudas dos vivos e viudas dos mortos".
Velaquí algúns versos reveladores que mostran ben ás claras as durísimas consecuencias que no século XIX supuxo a marcha de 500.000 homes galegos en idade de traballar, fundamentalmente:
Preparámonos para a sesión de cinema do próximo martes, cando Miguel Castelo nos dea unha lección maxistral sobre a súa curtametraxe, O pai de Migueliño, baseada nunha das Cousas de Castelao. O ambiente que se describe nelas, tal e como estamos a ver estes días nas aulas, é o de principios do século XX, cando a emigración de galegos a América desde os nosos portos era masiva. Agardo que con estes vídeos vos poidades facer idea das consecuencias da emigración en Galiza. O primeiro deles é un extracto do programa Historias de Galicia (TVG) e incide no aspecto social.
O segundo vídeo é unha curtametraxe de 20 minutos feita polo maior realizador galego de todos os tempos, Chano Piñeiro e que retrata dunha maneira moi realista o sentimento de soidade dos que quedaban aquí agardando por familiares que quizais nunca volvesen. Sabede tamén que se trata da curta máis premiada de toda a historia do cinema galego. O título: Mamasunción. Non a podedes deixar de ver @s que non o fixestes, aínda que ben sei que hai quen xa o fixo ;-)
Como sabedes, Castelao morreu o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires, onde sería embalsamado e posteriormente enterrado, arroupado cunha bandeira galega e cunha presa de terra que lle levaran desde a súa querida Patria, á que nunca regresaría con vida desde o seu exilio a terras americanas.
No primeiro dos vídeos que vos achego podedes ver como foi o traslado dos seus restos mortais a Galiza, concretamente a San Domingos de Bonaval (Compostela), onde hoxe repousan no Panteón de Galegos Ilustres, a carón de Rosalía de Castro.
Foi un momento tenso e difícil, xa que moitos dos que estaban alí reivindicaban que se cumprise a vontade do rianxeiro de descansar para sempre en Pontevedra, de aí que estas imaxes sexan hoxe emocionantes e históricas.
Ademais do Panteón, en Bonaval podedes visitar o Museo do Pobo Galego. Para que realicedes un paseo virtual achégovos outro vídeo interesante, onde podedes ver as tumbas destes escritores e mais unha das xoias arquitectónicas máis recoñecidas de Galiza: a escaleira deseñada polo arquitecto Domingo de Andrade.