domingo, 15 de novembro de 2009

ESTE VAISE E AQUEL VAISE...

Falando da emigración galega, non se poden deixar de mencionar dous documentos.
O primeiro deles é do século XX e tédelo aquí á esquerda. Trátase da fotografía titulada "Pai e fillo chorando. Despedida de emigrantes" de Manuel Ferrol, quizais o fotógrafo galego máis recoñecido internacionalmente.
O outro documento probabelmente xa o coñezades: trátase da denuncia que Rosalía de Castro deixou ao longo dos seus versos de Cantares Gallegos (1863). Neles, recoñecía a situación de miseria do pobo galego, que se vía obrigado a emigrar, e tamén a situación de desamparo en que quedaban os seus familiares aquí. Neste sentido, chegou mesmo a titular unha das partes deste libro "Viudas dos vivos e viudas dos mortos".
Velaquí algúns versos reveladores que mostran ben ás claras as durísimas consecuencias que no século XIX supuxo a marcha de 500.000 homes galegos en idade de traballar, fundamentalmente:
Este vaise e aquel vaise
e todos, todos se van,
Galicia, sen homes quedas
que te poidan traballar.
Tes, en cambio, orfos e orfas
e campos de soledad
e nais que non teñen fillos
e fillos que non teñen pais.
E tes corazóns que sufren
longas ausencias mortás
viudas de vivos e mortos
que ninguén consolará.

2 comentários:

  1. esa foto si que é coñecida!!!!!

    ResponderEliminar
  2. si!!!
    a min tamen me soa moito..pero se che son sincera non teño nin a minima idea de onde a puiden ver antes

    ResponderEliminar