Como sabedes, Castelao morreu o 7 de xaneiro de 1950 en Bos Aires, onde sería embalsamado e posteriormente enterrado, arroupado cunha bandeira galega e cunha presa de terra que lle levaran desde a súa querida Patria, á que nunca regresaría con vida desde o seu exilio a terras americanas.
No primeiro dos vídeos que vos achego podedes ver como foi o traslado dos seus restos mortais a Galiza, concretamente a San Domingos de Bonaval (Compostela), onde hoxe repousan no Panteón de Galegos Ilustres, a carón de Rosalía de Castro.
Foi un momento tenso e difícil, xa que moitos dos que estaban alí reivindicaban que se cumprise a vontade do rianxeiro de descansar para sempre en Pontevedra, de aí que estas imaxes sexan hoxe emocionantes e históricas.
Ademais do Panteón, en Bonaval podedes visitar o Museo do Pobo Galego. Para que realicedes un paseo virtual achégovos outro vídeo interesante, onde podedes ver as tumbas destes escritores e mais unha das xoias arquitectónicas máis recoñecidas de Galiza: a escaleira deseñada polo arquitecto Domingo de Andrade.
Agardo os vosos comentarios.
Sem comentários:
Enviar um comentário