sábado, 30 de janeiro de 2010

MAR DO FIN DA TERRA


Co título de Mar do fin da terra publicou Cesáreo Sánchez Iglesias en 1987 un poemario en que se notan influencias dos haikus xaponeses. Para mostra o seguinte fragmento do macro-poema número XXV:
Costa da Morte
Obsesivamente Ollo-te e vexo
os teus rios
e a sua navigación

Na seguinte selección de diapositivas feitas co gallo da Inauguración da Fundación Pondal en Ponteceso podedes ver máis exemplos. A cada poema do libro achégaselle unha ou dúas fotografías relacionadas co seu contido ou coa súa localización nas marabillosas paraxes da Costa da Morte. Espero que desfrutedes da presentación e que se queredes, probedes a facer algo semellante cun poema que vos guste.

quinta-feira, 28 de janeiro de 2010

21-X: FOLGA XERAL DO ENSINO- PAREMOS O DECRETAZO CONTRA O GALEGO



Vídeo da Plataforma Queremos Galego (http://www.queremosgalego.org/) sobre a xornada de mobilización no ensino galego o pasado 21 de xaneiro en contra das políticas galegófobas do Goberno da Xunta de Galiza.

quarta-feira, 27 de janeiro de 2010

O COMENTARIO POÉTICO - DE CATRO A CATRO DE MANUEL ANTONIO


Para nos introducirmos na análise do comentario de textos poéticos, e conseguir aproveitar ao máximo o que o poema nos ofrece, podedes botar unha ollada ao seguinte enlace sobre o libro de Manuel Antonio De catro a catro (1928).

A información nesta interesante páxina está distribuída da seguinte maneira:

- Fotografías da capa de distintas edicións da obra ao longo do tempo.

- Os 20 poemas da obra comentados verso a verso, onde se ofrecen explicacións lingüísticas e literarias moi interesantes.

- Ademais, en cada poema, tedes un cadro resumo cos trazos da poética máis tradicional e cos trazos máis vangardistas que podedes atopar nel.


En definitiva, unha páxina ben interesante onde poder preparar o tema para o exame.

sexta-feira, 22 de janeiro de 2010

URBANO LUGRÍS EN BERGANTIÑOS


Realmente, esta mensaxe é unha excusa para poder colgar no blogue o meu cadro favorito. Déixovolo aí, para que contempledes de vagar a súa fermosura e vos mergulledes na soidade que desprende. O título é Mariña, de Urbano Lugrís.
Hai dous anos, achegábame á Fundación Caixa Galicia na Coruña para ver unha exposición estupenda sobre este magnífico autor da vangarda pictórica galega. Podedes ver un vídeo coas obras desta exposición aquí. Nel veredes como predomina o mar no universo de Urbano. Por algo lle chaman o pintor do mar.
A relación de Urbano Lugrís con Bergantiños, a nosa bisbarra, vén do ano 1956, cando se asentou en Malpica durante 4 meses para decorar a Casa do Pescador. Nela, aínda hoxe se conservan cinco frescos e tres trípticos nos que homenaxea á paisaxe malpicá (Illas Sisargas) e aos mariñeiros desta localidade da Costa da Morte. Ademais, en todos eles se introducen pequenos poemas e representan fiestras abertas sobre unha paisaxe marítima, tema recorrente na súa obra.
Detrás da Casa do Pescador, no "Bar Pescador", aínda hoxe se pode ver unha rosa dos ventos feita polo pintor coruñés. Acompáñaa un mapa da Costa da Morte feita por un pintor malpicán chamado Chunguito, a quen Urbano agasallou coa súa paleta.
Unha réplica da rosa dos ventos e o mapa puideron verse na serie de TVG Mareas Vivas, no tan sonado "Bar Petróleo", que ben puidera estar inspirado neste recuncho histórico bergantiñán.
Non fun quen de atopar moitas mostras desta serie na rede, mais a que vos deixo aquí ben seguro que vos interesa, porque é o primeiro papel que tivo Martiño Rivas na televisión. Eu pídovos un esforzo e fixarvos tamén na parede de fondo do bar, onde veredes o que vos digo.

ESPERANTO

Velaquí algunha información de interese sobre o Esperanto, esa lingua artificial inventada nun laboratorio.
Na Galipedia, tedes información sobre o esperanto en
lingua galega. Mais como todo idioma que se prece, o esperanto tamén está na rede, e tamén conta, igual que o galego, da súa versión da Wikipedia, chamada Vikipedio. Nela podedes consultar o mesmo artigo que o anterior, desta volta, en esperanto.
Desta información destaco os seguintes aspectos:
- O esperanto é unha lingua artificial, polo que non está relacionado xenealoxicamente con ningún idioma de ningún grupo étnico, aínda que a súa base é latina.
- Foi inventado en 1887 polo oftalmólogo Ludwik Lejzer Zamenhof, que asinou como Doktoro Esperanto, nome polo que se coñecería posteriormente esta lingua.
- Dentro do seu léxico, ten vocabulario derivado directamente do galego: 'saudado' (soidade).
- En Galiza, a principios do século XX había asociacións esperantistas nas cidades da Coruña, Betanzos, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Vilalba, Foz, Lugo e Vigo. De aí quizais a mención do esperanto nun poema de De catro a catro de Manuel Antonio (1928).
Como curiosidade, dicirvos que temos unha única obra da Literatura Galega traducida ao esperanto:
Retrincos de Castelao, co título Viveroj.
Máis unha vez, o espírito do irmán Daniel agroma por todas as partes...

segunda-feira, 11 de janeiro de 2010

O LATÍN DE CABANA DE BERGANTIÑOS

Tranquilidade... Cabana de Bergantiños non é o último reduto de fala latina no mundo...


Coa expresión "latín" refírese Francisco Javier Varela Pose, autor do traballo "O latín dos canteiros en Cabana de Bergantiños" (Madrygal, 7, 2004) á xerga ou xiria específica deste oficio na Costa da Morte.


Recoméndovos que leades as táboas que inclúe o traballo ao longo das súas páxinas, onde, como curiosidade, tedes varios exemplos de palabras desta xerga e o seu significado en galego.


Nalgún punto do traballo tamén se explica a súa relación co éuscaro, pero iso xa o deixo para aqueles e aquelas que queiran profundar no tema...