Realmente, esta mensaxe é unha excusa para poder colgar no blogue o meu cadro favorito. Déixovolo aí, para que contempledes de vagar a súa fermosura e vos mergulledes na soidade que desprende. O título é Mariña, de Urbano Lugrís.
Hai dous anos, achegábame á Fundación Caixa Galicia na Coruña para ver unha exposición estupenda sobre este magnífico autor da vangarda pictórica galega. Podedes ver un vídeo coas obras desta exposición aquí. Nel veredes como predomina o mar no universo de Urbano. Por algo lle chaman o pintor do mar.
A relación de Urbano Lugrís con Bergantiños, a nosa bisbarra, vén do ano 1956, cando se asentou en Malpica durante 4 meses para decorar a Casa do Pescador. Nela, aínda hoxe se conservan cinco frescos e tres trípticos nos que homenaxea á paisaxe malpicá (Illas Sisargas) e aos mariñeiros desta localidade da Costa da Morte. Ademais, en todos eles se introducen pequenos poemas e representan fiestras abertas sobre unha paisaxe marítima, tema recorrente na súa obra.
Detrás da Casa do Pescador, no "Bar Pescador", aínda hoxe se pode ver unha rosa dos ventos feita polo pintor coruñés. Acompáñaa un mapa da Costa da Morte feita por un pintor malpicán chamado Chunguito, a quen Urbano agasallou coa súa paleta.
Unha réplica da rosa dos ventos e o mapa puideron verse na serie de TVG Mareas Vivas, no tan sonado "Bar Petróleo", que ben puidera estar inspirado neste recuncho histórico bergantiñán.
Non fun quen de atopar moitas mostras desta serie na rede, mais a que vos deixo aquí ben seguro que vos interesa, porque é o primeiro papel que tivo Martiño Rivas na televisión. Eu pídovos un esforzo e fixarvos tamén na parede de fondo do bar, onde veredes o que vos digo.
Sem comentários:
Enviar um comentário