Agardo que o pasedes moi ben nestas festas. Un abrazo e que o próximo ano traia todo o que merecedes e máis...
LENDA DO APALPADOR
O Apalpador é un xigante carboeiro que mora nas devesas, que usa boina, casaco esfarrapado e remendado, fuma en pipa, que se alimenta de bagas e xabaríns. O día 31 de decembro baixa da montaña e visita as crianzas, despois de quedaren durmidas. Entón apálpalles a barriga por ver se están cheas ou se teñen fame. De teren a barriga chea, di: “Así, así esteas todo o ano" e déixalles unha manchea de castañas. De ver que teñen a barriga baleira, non di nada, mais tamén deixa unha presada de castañas.
A propósito do feliz regreso de Aminatu Haidar á súa patria, o Sahara, esta madrugada, e da pequena reflexión sobre este tema que hoxe tivemos na aula, déixovos o vídeo de Eduardo Galeano que fala sobre os "outros" muros da vergoña. Eses menos "altisonantes", nas súas propias palabras, dos que se fala menos mais que son, caso do muro que Marrocos construíu no Sahara, 60 veces máis grande que o muro de Berlín.
Logo de lermos na aula a Carta do xefe indio Seattle ao Presidente dos EUA, Franklin Pierce, datada en 1855, cómpre que fagamos algunhas reflexións, para o que me remito ao propio texto, verdadeiramente profético, para que comentedes o que vos parece, seguindo un pouco a liña do debate iniciado na aula.
Trátase dun documento que, a pesar de estar escrito no século XIX, adianta ideas que hoxe están nos principais despachos dos Gobernos en todo o mundo: o cambio climático, a conservación das especies, a biodiversidade, a protección do medio natural, a desertización, a simbiose do ser humano coa terra...
Ten fragmentos realmente encomiábeis, dignos de ter en conta:
- "Como se poden mercar ou vender o firmamento, nin aínda a calor da terra? Esa idea énos descoñecida.Se non somos donos do frescor do aire, nen da fúlgura das augas, como poderán vostedes mercalos?"
- "Somos parte da terra e, así mesmo, ela é parte de nós. As flores perfumadas son as nosas irmás; o veado, o cabalo, a gran aguia: estes son os nosos irmáns. As escarpadas penas, as húmidas pradeiras, a calor do corpo do cabalo e do home. Todos pertencemos á mesma familia."
- "A auga cristalina que corre polos nosos ríos e regatos non é soamente auga, senón que tamén representa o sangue dos nosos antergos. [...] O murmurio da auga é a voz do pai do meu pai."
- "Son un salvaxe e non comprendo como unha máquina fumegante pode importar máis que o búfalo ao que nós matamos só para sobrevivir. Que sería do home sen os animais? Se todos fosen exterminados, o home tamén morrería dunha gran soidade espiritual: porque o que lle suceda aos animais tamén lle sucederá ao home. Todo vai enlazado."
Aquí deixo os vídeos musicais dos que vos falei, que tratan o tema desde unha óptica galega. Porque somos vítimas de incendios forestais intencionados, de contaminación (As Pontes, Meirama, Sogama, Ence...), de mareas negras que se repiten cada certo tempo sen que ninguén poña remedio, e moitas especies vexetais e animais propiamente galegas están en perigo de extinción.
O primeiro é do grupo de Ordes Dios Ke Te Crew e o segundo é unha colaboración entre este mesmo grupo e Quempallou.
Tamén sería interesante coñecer a vosa opinión sobre o tema: Considerades que estas medidas son necesarias? Como vedes vós a sociedade no tocante a este tema?
Facemos unha paréntese nos contidos da materia, e aproveitando que temos por diante unha longuísima "fin de semana" déixovos un vídeo para un momento de ocio ben aproveitado. A ver que vos parece...
Se estás interesad@ no idioma de Camões, velaquí uns exercicios para que lle vaias perdendo o medo.
O primeiro é un exercicio de comprensión auditiva que está colgado, entre outras cousas interesantes, na páxina web do Instituto Camões, entidade de ensino do portugués espallado por todo o mundo. Na súa páxina web, ademais de exercicios, podes atopar centos de publicacións na súa Biblioteca Dixital.
A segunda proposta que che fago é unha especie de competición.
A partir do vídeo da canción Já sei namorar, dos Tribalistas, tentade completar a letra que vos deixo en "Comentarios". A ver quen atina máis!!!
Esta sentenza que nos deixou Castelao no seu Sempre en Galiza ben a poderiamos cambiar por estoutra: "Se estamos no mundo é por obra e graza do idioma". Descubrimento que, como vimos, supuxo un cambio na vida dos membros da Xeración Nós...
Fronte ao prexuízo de que co galego non se vai a ningures, podemos mirar na historia da lingua galega e pensar no seu desenvolvemento xeográfico. Desde o nacemento do galego, no século IX, a independencia de Portugal e a absorción do Reino de Galiza pola Coroa de Castela os camiños da variante do Norte e a do Sur sufriron vidas ben dispares, o que podedes ver no seguinte vídeo:
Tal e como podedes ver na fotografía da entrada, o portugués é unha das linguas máis faladas do mundo. Todos estes países que noutrora foron colonizados polos portugueses, e que asimilaron a lingua dos conquistadores, conforman a chamada Lusofonía, artellados arredor da Comunidade de Países de Língua Oficial Portuguesa (aínda que tamén se falan neles outras linguas).
Desde hai pouco tempo diversos investigadores e lingüistas veñen reclamando que se fale de Galeguía e non de Lusofonía, precisamente, por ser na Gallaecia medieval onde nacería o galego, a base de todas estas linguas. Aprendelo, é pois, unha grande e pouco custosa inversión. Na vosa man queda.