domingo, 13 de junho de 2010

BOA VIAXE!!


Agardo que pasedes unha boa semana en Salou, que veñades cun moreno de envexa e coas pilas recargadas.

Unha aperta para tod@s @s que tivestes este blogue como referencia durante o curso, espero que vos fora de axuda. É hora de írmolo pechando. Foi un curso intenso e cheo de aprendizaxe polas dúas partes, porque diso se trata a vida, de aprendermos sempre un pouquiño máis do que sabemos.

Agora toca seguirmos cada quen o noso camiño, un sendeiro de esperanza e esforzo que se verá recompensado.

Até sempre!

segunda-feira, 17 de maio de 2010

RECITAIS DE NOVONEIRA

Un día como hoxe, en que as homenaxes ao poeta do Courel se suceden ao ancho e longo do País, déixovos varias mostras de recitais con que Uxío Novoneira nos deleitou para que perdure a súa voz e a súa poesía para sempre.



terça-feira, 11 de maio de 2010

PRESENTACIÓN SOBRE UXÍO NOVONEIRA

Aquí tedes a presentación que fixemos no Departamento de Lingua Galega co CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco con motivo da celebración do Día das Letras Galegas este ano 2010.
Abofé que do obradoiro poético posterior saíron poemas e caligramas ben fermosos. Mais xa sabedes, a inspiración atópase traballando, e para que unha obra saia ben, antes hai que tirar moitos papeis, ou en linguaxe máis actualizada, revisar moitas veces un mesmo documento no voso procesador de textos.
E por se non o sabedes, existen páxinas onde publicar a vosa obra, por exemplo na Biblioteca Virtual Galega.
Mais se aínda non sodes tan ambiciosos e ambiciosas, podédelo deixar como comentario, que de vez en cando tamén se agradecen, porque sei que sodes moitos e moitas as que seguides o blogue, mais non vos deixades notar.


quinta-feira, 6 de maio de 2010

CALIGRAMAS

Un caligrama é un poema cuxa disposición gráfica conforma unha imaxe visual.

Vimos na clase algún caligrama de Uxío Novoneira respecto á paisaxe, e faleivos aproveitando a situación, doutros caligramas como os do Colectivo Ronseltz. Velaquí o tedes, trátase dunha representación do tráfico de cocaína nas praias galegas tirado do libro colectivo do grupo, Unicornio de cenouras que cabalgas os sábados, pura vangarda nos anos 90:


sexta-feira, 23 de abril de 2010

XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN

Estivemos vendo estes días a poesía da posguerra, e dixemos que un dos membros máis destacados da Xeración de 1950 (tamén chamada Xeración 'La Noche' ou Xeración das Festas Minervais) foi (e segue sendo) Xosé Luís Méndez Ferrín, recentemente nomeado Presidente da Real Academia Galega.
Díxenvos da miña devoción literaria por este autor polifacético, clave para a renovación da poesía galega dos 80, e por un libro seu que marcou un antes e un despois,
Con pólvora e magnolias (1977), considerado polos especialistas "un impacto poético en época de ditadura".
O propio título remite a dous elementos: a pólvora, como símbolo de resistencia e loita (temática socialrealista) e a magnolia, como símbolo de delicadeza e beleza (temática intimista).
A continuación dous poemas sacados desta obra, ambos pertencentes a estas dúas temáticas tan diferentes:


Saudemos á morte;
na palma da man non sosteñamos ónices.

Chamémoslle:
libro de silencio,
pórtico terminal da escravitude,
escritura feliz da opacidade,
luz que desata e nome da ledicia.

Saudemos á morte;
non deamos pousada a Bach ou Joplin.

Contemplemos
o seu fremoso rostro á nosa beira.


O segundo deles, pola súa extensión, déixovolo nun enlace. Trátase dun macropoema titulado "Reclamo a libertade pró meu pobo" que o autor lle dedicou á memoria de Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975), nacionalista galego máis coñecido como Moncho Reboiras, membro da UPG, abatido pola policía en Ferrol o 12 de agosto de 1975.

segunda-feira, 5 de abril de 2010

A NOSA FALA


Hoxe en día Internet permítenos acceder a múltiplas ferramentas para o estudo da nosa lingua. Entre esas ferramentas está a aplicación A nosa fala: Bloques e áreas lingüísticas do galego. Nela, ademais dun estudo teórico moi completo sobre Dialectoloxía galega, podedes atopar, ordenados por bloques (Occidental, Central e Oriental) e por concellos (aos que accededes desde cada un dos bloques no menú da esquerda) gravacións de persoas con idades comprendidas entre os 14 e os 85 anos.

quarta-feira, 17 de março de 2010

HISTORIA DE MAN DE CAMELLE

Con esta curta de animación recórdase a Manfred Gnädinger, coñecido como Man de Camelle ou o alemán de Camelle. O seu periplo vital remataría ao pouco de o Prestige tinguir de negro a obra de toda unha vida...
Na fotografía que acompaña esta mensaxe podédelo ver desolado pola visión das rochas cubertas de chapapote.
Ao final, despois da curtametraxe, un vídeo cun pequeno percorrido polo que agardamos que sexa o futuro Museo de Man, un escultor diferente.