Díxenvos da miña devoción literaria por este autor polifacético, clave para a renovación da poesía galega dos 80, e por un libro seu que marcou un antes e un despois, Con pólvora e magnolias (1977), considerado polos especialistas "un impacto poético en época de ditadura".
O propio título remite a dous elementos: a pólvora, como símbolo de resistencia e loita (temática socialrealista) e a magnolia, como símbolo de delicadeza e beleza (temática intimista).
A continuación dous poemas sacados desta obra, ambos pertencentes a estas dúas temáticas tan diferentes:
Saudemos á morte;
na palma da man non sosteñamos ónices.
Chamémoslle:
libro de silencio,
pórtico terminal da escravitude,
escritura feliz da opacidade,
luz que desata e nome da ledicia.
Saudemos á morte;
non deamos pousada a Bach ou Joplin.
Contemplemos
o seu fremoso rostro á nosa beira.
O segundo deles, pola súa extensión, déixovolo nun enlace. Trátase dun macropoema titulado "Reclamo a libertade pró meu pobo" que o autor lle dedicou á memoria de Xosé Ramón Reboiras Noia (1950-1975), nacionalista galego máis coñecido como Moncho Reboiras, membro da UPG, abatido pola policía en Ferrol o 12 de agosto de 1975.
Sem comentários:
Enviar um comentário