Mostrar mensagens com a etiqueta Historias de Galicia. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta Historias de Galicia. Mostrar todas as mensagens

quarta-feira, 17 de fevereiro de 2010

LONGA NOITE DE PEDRA

LONGA NOITE DE PEDRA
No meio do caminho tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
tinha uma pedra
no meio do caminho tinha uma pedra.
CARLOS DRUMMOND DE ANDRADE

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.
Con este poema comeza o libro Longa noite de pedra (Celso Emilio Ferreiro, 1962), un título que serviría de metáfora para os terríbeis anos da Guerra Civil (1936-1939) e da posterior Ditadura (1939-1975).
Nos seguintes temas imos ver que ocorreu na lingua e na literatura galegas durante estes anos. Como poderedes supor, todos os avances que se conseguiran co movemento nacionalista das Irmandades da Fala e coa Xeración Nós ficaron diluídos polo golpe de estado do xeneral Franco e a posterior represión exercida en Galiza, onde non houbo guerra, a diferenza doutros puntos do Estado.
No seguinte vídeo, tirado da serie Historias de Galicia, podedes ver un contexto histórico moi por enriba:

Asemade, téñovos comentado na aula que diferentes filmes retratan con bastante bo tino a situación histórica destes anos. Un deles é A lingua das bolboretas (José Luis Cuerda, 1999), baseada en varios relatos recollidos no volume Que me queres, Amor? (Manuel Rivas, 1995). Nela cóntase como era a vida na Segunda República e o momento xusto do alzamento militar franquista (18.07.1936) e das consecuencias terríbeis para os que manifestaran o seu apoio á República e ao comunismo.

O outro filme, O lapis do carpinteiro (Antón Reixa, 2002), baseado tamén nunha novela homónima de Manuel Rivas (1999), seguiría cronoloxicamente a época d'A lingua das bolboretas, mostrando a represión durante a Guerra Civil en cadeas como a da Coruña ou a da Illa de San Simón, convertida en campo de concentración franquista. O seguinte vídeo é un dos fragmentos máis sonados desta película que vos recomendo encarecidamente:


Finalmente, penso que non estaría completo este repaso polo contexto histórico sen vos remitir ao seguinte vídeo sobre a represión na Illa de San Simón, na ría de Vigo:


domingo, 15 de novembro de 2009

LINGUA DE REIS, LINGUA DO POBO

Nesta entrada imos ver a situación da lingua galega nos séculos XIX e XX. Vai ser algo breve, centrado sobre todo no papel que xogaron Murguía, Rosalía e as Irmandades da Fala nos chamados primeiro e segundo Rexurdimentos (1863 e 1916, respectivamente)
Desta maneira veremos como as ideas que empezaron a agromar no XIX tiveron a súa continuidade e a súa maior expansión a todos os niveis (cultural, político, social...) no XX.
Tédelo todo no seguinte vídeo, un fragmento do capítulo "Lingua de reis, lingua do pobo" de Historias de Galicia.
Como fotografía da entrada podedes ver unha das portadas da revista A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala. Trátase dun número especial sacado á rúa con motivo do Día da Patria en 1944. Como podedes comprobar na cabeceira, está publicada en Bos Aires, a coñecida como a quinta provincia galega pola cantidade de emigrados e exiliados políticos que se concentraron nela na primeira metade do século XX.
De novo lingua, cultura, historia e política da man...

sexta-feira, 13 de novembro de 2009

A VOLTAS COA EMIGRACIÓN

Preparámonos para a sesión de cinema do próximo martes, cando Miguel Castelo nos dea unha lección maxistral sobre a súa curtametraxe, O pai de Migueliño, baseada nunha das Cousas de Castelao.
O ambiente que se describe nelas, tal e como estamos a ver estes días nas aulas, é o de principios do século XX, cando a emigración de galegos a América desde os nosos portos era masiva.
Agardo que con estes vídeos vos poidades facer idea das consecuencias da emigración en Galiza. O primeiro deles é un extracto do programa
Historias de Galicia (TVG) e incide no aspecto social.
O segundo vídeo é unha curtametraxe de 20 minutos feita polo maior realizador galego de todos os tempos, Chano Piñeiro e que retrata dunha maneira moi realista o sentimento de soidade dos que quedaban aquí agardando por familiares que quizais nunca volvesen. Sabede tamén que se trata da curta máis premiada de toda a historia do cinema galego. O título: Mamasunción. Non a podedes deixar de ver @s que non o fixestes, aínda que ben sei que hai quen xa o fixo ;-)