quarta-feira, 17 de março de 2010

HISTORIA DE MAN DE CAMELLE

Con esta curta de animación recórdase a Manfred Gnädinger, coñecido como Man de Camelle ou o alemán de Camelle. O seu periplo vital remataría ao pouco de o Prestige tinguir de negro a obra de toda unha vida...
Na fotografía que acompaña esta mensaxe podédelo ver desolado pola visión das rochas cubertas de chapapote.
Ao final, despois da curtametraxe, un vídeo cun pequeno percorrido polo que agardamos que sexa o futuro Museo de Man, un escultor diferente.


sexta-feira, 12 de março de 2010

FALECE MIGUEL DELIBES


Esta mañá levantámonos cunha triste nova: o falecemento de Miguel Delibes, un dos escritores españois máis recoñecidos e máis admirados.

Evidentemente, non é obxecto de estudo do currículo de Lingua e Literatura Galega, para o que en principio está orientado este blogue, mais como toda a boa literatura, os libros de Delibes teñen un carácter universal. Neles atoparemos sempre ao ser humano como centro da vida en comuñón coa natureza e un carácter autobiográfico que os fan achegados ao lector ou lectora.

Recoméndovos a lectura de calquera deles, mais quizais, para se adentrar no seu universo, eu comezaría por El Camino, unha novela de aprendizaxe onde Daniel, El Mochuelo, recorda como foi a súa vida nunha aldea castelá a noite antes de partir para a cidade a estudar. Unha novela que non vos deixará indiferentes, porque en moitos casos vos identificaredes cos sentimentos que transmite

terça-feira, 9 de março de 2010

A ESCOLA DA AREA

Velaquí unha curta de animación que saquei de Flocos.tv. Está baseada no Padre Sarmiento e moi acaído aínda a día de hoxe.

sexta-feira, 5 de março de 2010

O CORUÑO

Porque non todo vai ser estudar, para esta fin de semana, e a propósito do interese que mostrastes algúns e algunhas polo idiolecto coruñés (popularmente coñecido como 'coruño'), propóñovos que vexades o seguinte monólogo de Quico Cadaval (por certo, que foi o director da adaptación da obra de Shakespeare para o galego Noite de Reis ou o que queirades). As risas non faltarán. Boa fin de semana a tod@s!

segunda-feira, 22 de fevereiro de 2010

ORGULLOS@S DO NOSO, ORGULLOS@S DO GALEGO

Vídeo dunha campaña de apoio ao galego e en contra do Decretazo levada a cabo pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.
Nela colaboran Martiño Rivas, María Castro, Luís Tosar, Belén Regueira, Antón Reixa e Susana Seivane.

O DÍA DAS LETRAS GALEGAS



O 20 de marzo de 1963, tres membros da Real Academia Galega (Manuel Gómez Román, Xesús Ferro Couselo e Francisco Fernández del Riego) presentaron nesta institución unha proposta histórica: Que se declarase o dia 17 de maio de cada ano "Día das Letras Galegas" como data para "recolle-lo latexo material da actividade intelectual galega".


Escolleron o 17 de maio por ser a data en que Rosalía de Castro dedicou o libro Cantares Gallegos á poeta Fernán Caballero, xa que a data de publicación se descoñece.

Desde ese 17 de maio de 1963, ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas a Rosalía, como non podía ser doutro xeito, foron varios os autores e autoras homenaxeados.






Neste ano 2010, o homenaxeado será Uxío Novoneyra, o poeta do Courel. Moitos e moitas foron os que apoiaron esta candidatura na rede e ao final, merecidamente, a Academia fixo caso do que pedía a sociedade, e este extraordinario poeta pasará a engrosar a listaxe de escritores aos que se lle dedicou este gran día da cultura galega.

MANUEL LOURENZO: O GRAN HOME DO TEATRO GALEGO




Hoxe déixovos a ficha dun dos grandes do teatro e do audiovisual galego: Manuel Lourenzo. De seguro que o coñecedes de series como Mareas Vivas, onde se fixo coñecido para o gran público interpretando o enigmático Melgacho, que ben podería ser un personaxe tipo do mariñeiro galego, a personificación da filosofía das nosas xentes do mar.
Mais Manuel Lourenzo xa levaba desde moi novo renovando o teatro galego en todas as súas facetas: estudoso, autor, actor, director teatral...
Premio Nacional de Literatura Dramática (1997), Pedrón de Ouro (2001), Premio Nacional de Artes escénicas (2008) e Premio Álvaro Cunqueiro (2009) son simplemente catro dos seus últimos galardóns.
Unha traxectoria que comezou a finais da Ditadura e que continúa hoxe, con máis forza se cabe, colocando o teatro galego á altura do que se está a facer noutros lugares.